Publicado por: snl_cerceda | 6/Maio/2009

Mudámonos á Blogaliza

De Imaxes do blogue

Hai un ano, comezabamos a nosa aventura neste blogue, snlcerceda.wordpress.com. Dende aquela, recibimos máis de 5000 visitas diferentes, cumprindo os obxectivos que nos marcabamos. Ademais, fomos pouco a pouco recibindo comentarios e diferentes persoas, tanto do concello como de fóra, souberon da nosa existencia grazas a estas páxinas.

Hoxe comezamos un novo camiño, desta vez na Blogaliza, un proxecto feito no país e en galego onde teñen cabida blogues de todos os tipos, dende culturais a literarios, pasando por diarios persoais, musicais, informáticos. Para alén diso, recentemente a Blogaliza mudou non só o seu deseño externo, senón que abriu diferentes funcións: creación de grupos e de redes, compartir experiencias nos foros…

Estes e outros motivos leváronnos a mudar o noso enderezo e o noso blogue, que agora podes atopar en http://normalizacioncerceda.blogaliza.org. Agardamos que os cambios sexan para mellor e, se así non for, agardamos as vosas suxestións.

Limos estes días unha boa nova: os EDNL veñen de se unir nunha nova coordinadora para “establecer dinámicas de colaboración entre os EDNL dos centros públicos e privados de todo o país e compartir experiencias no campo da difusión do noso idioma”. Unha das súas primeiras accións foi realizaren un manifesto conxunto para se posicionaren perante a derrogación do decreto 124/2007.

O texto está dispoñíbel no web http://www.coordinadoraendl.org onde tamén existe un formulario para que os EDNL se poidan adherir a el.

O texto é o seguinte

“Os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística abaixo asinantes queren manifestar a súa preocupación ante a intención do novo goberno de derrogar o Decreto 124/2007 polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo. Como dinamizadores lingüísticos, pero moi especialmente como profesionais do ensino que somos, queremos facer constar o seguinte:

1. Este decreto desenvolve o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia no ano 2004 e elaborado, na parte referida á educación, por unha comisión na que se integraban representantes das ANPAS, do profesorado, das organizacións pedagóxicas e das patronais do ensino concertado.

2. Supón a superación dunha lexislación, o Decreto 247/95, que -despois de 12 anos de aplicación- tiña demostrado que non estaba respondendo aos obxectivos para os que fora deseñada, tal como poñen de manifesto os últimos datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia.

3. Persegue como finalidade última que o alumnado acade, ao rematar os seus estudos, unha plena competencia lingüística que o capacite para expresarse oralmente e por escrito nas dúas linguas oficiais de Galicia, no marco dun ensino plurilingüe.

4. Favorece que cada centro elabore o seu propio Proxecto lingüístico, documento que debe ser aprobado polo Consello Escolar e que, polo tanto, require a implicación e o consenso de toda a comunidade educativa: profesorado, alumnado, pais/nais, persoal non docente e representantes dos concellos.

Dado que consideramos as medidas que se establecen no decreto como unha achega importante na tarefa dinamizadora e normalizadora que realizamos nos centros e que non pasou tempo suficiente para avaliar se os seu resultados satisfán os obxectivos para os que foi aprobado, solicitámoslle ao novo goberno que manteña os compromisos acordados pola comunidade educativa e o Parlamento galego no Plan xeral de normalización da lingua galega.”

Publicado por: snl_cerceda | 23/Marzo/2009

Convocatoria de reunión para os ENDL de toda Galiza

Na páxina web do ENDL Félix Muriel vemos o comunicado seguinte

Ola a todos/as.

Somos un grupo de persoas que está a traballar en ENDL de diferentes centros de Ensino da zona de Santiago que nos xuntamos para falarmos de como podemos afrontar a nova situación canto á normalización da nosa lingua. Dado que as cousas van mudar, e parece que non para ben, consideramos que é necesario transmitirlle á sociedade e ao novo goberno o que pensamos ao respecto dos cambios anunciados. Por iso vos convocamos a unha reunión que se celebrará o vindeiro sábado 28 de marzo ás 16.30 da tarde no Instituto Galego de Información (IGI) (San Marcos, Estrada do Aeroporto, ao pasar o Hotel Apóstol Santiago). O obxectivo da reunión é o seguinte:

  • Avaliarmos a posibilidade de facermos pública a nosa posición canto ao Decreto 124/2007, que se quere derrogar. Levaremos un texto base para consensuarmos antes de mandalo aos medios. Sería un texto de carácter técnico, como normalizadores que somos, e para nada incompatible con outros posicionamentos que poidan facer outras organizacións sociais e políticas que fagan algo ao respecto.
  • Pensarmos na posibilidade de crearmos unha Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística para actuar colectivamente a prol da nosa lingua tanto a nivel particular, nos nosos centros, como en xeral, na sociedade.

Por favor, comunicádelle esta convocatoria a todos cantos membros dos ENDL coñezades, e que polos motivos que foren non leron esta información.

Agardamos contar coa vosa asistencia para entre todos poder traballar para conseguir obxectivos normalizadores.

Por favor, confirmade asistencia.

Saúdos a todos/as.

  • Román Landín Cerqueiro (CEIP Aurelio-Cuntis)
  • Valentina Formoso Gosende (IES Félix Muriel- Rianxo)
  • Xesús Mosquera (CRA de Santa Comba)
  • Luís Aldegunde (CEIP de Rois)
  • Sara Paz (CEIP da Baña)
  • Pila Buela (IES de Valga)
  • Gracia Sanctorum (IES Pintor Colmeiro-Silleda)
  • Sechu Sende (IES Marco do Camballón-Vila de Cruces)
  • Daniel Asorei (CEIP de Touro)
  • Xoán Constenla (CEIP de Portas)
  • Ana Rial (IES de Caldas)
  • Miguel Louzao Outeiro (IES Coroso-Ribeira)
Publicado por: snl_cerceda | 17/Marzo/2009

Lingua de amor 2009

Vista no web da CTNL

O Consello da Xuventude de Galicia (CXG) presentou o día 16 a terceira edición do seu concurso Lingua de Amor, organizado con motivo da celebración do Día das Letras Galegas e do Día Internacional da Internet e cuxo obxectivo principal é dinamizar o uso da lingua galega entre os máis novos en espazos de comunicación habituais para eles, como son os correos electrónicos, foros ou chats.

O concurso está divido en dúas categorías: mensaxes e cancións. O prazo permanecerá aberto ata o 10 de maio de 2009 e para as votacións será do 11 ao 17 de maio. Para participar só hai que rexistrarse na páxina web www.linguadeamor.eu

Os premios divídense do xeito seguinte:

DECLARACIÓNS DE AMOR EN GALEGO A TRAVÉS DA REDE

Categoría A (de 14 a 19 anos):

1.º Un ordenador portátil
2.º Unha videoconsola PlayStation3
3.º Un Ipod

Categoría B (de 20 a 35 anos):

1.º Un ordenador portátil + unha cea para dúas persoas
2.º Unha videoconsola PlayStation3 + unha cea para dúas persoas
3.º Un Ipod + unha cea para dúas persoas

Ademais, todos eles recibirán un lote de libros en galego

CANCIÓNS DE AMOR EN LINGUA GALEGA


1.º Un ordenador portátil + unha fin de semana nunha casa de turismo rural
2.º Unha videoconsola PlayStation3 + unha fin de semana nunha casa de turismo rural
3.º Un Ipod + unha fin de semana nunha casa de turismo rural

Podes consultar as bases nesta ligazón.

Publicado por: snl_cerceda | 5/Febreiro/2009

Convocatoria de cursos de linguaxe administrativa

A Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocan cursos de linguaxe administrativa galega, de nivel medio e superior, que terán lugar nas escolas oficiais de idiomas da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo ao longo deste ano. Estes seminarios impartiranse en dúas quendas: a primeira comezará en febreiro/marzo e a segunda en outubro.

As persoas interesadas en asistir ás clases da primeira quenda, a de febreiro / marzo, disporán de 20 días naturais, contados a partir de mañá, para entregar a súa solicitude. Para a quenda de outubro, o prazo de presentación de impresos abrangue desde o 1 ata o 20 de setembro.

As relacións de seleccionados para participar nestas clases, así como as datas de comezo destas, faranse públicas tanto nos taboleiros de anuncios da escola oficial de idiomas en que terá lugar o curso como na súa páxina web.

Os cursos van dirixidos preferentemente ao persoal que realiza funcións administrativas nas diferentes administracións públicas de Galicia.

Pode consultar a convocatoria completa nesta ligazón.

Fonte da nova: www.ctnl.org

Publicado por: snl_cerceda | 23/Xaneiro/2009

Tes dúbidas? Consulta a Síntese gramatical do SNL da UDC

sintese_gramatical1

Hai unhas semanas saía do prelo un novo documento para podermos solucionar as nosas dúbidas. Trátase da Síntese gramatical, un manual elaborado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña e que está dispoñíbel na rede para consultármola ou descargármola.

A Síntese gramatical, elaborada por Xesús M. Mosquera Carregal e Sara Pino Ramos, trátase dun compendio accesíbel que pretende achegar unha visión global da gramática galega, lonxe de contidos teóricos e de abstraccións e que prima a practicidade e mais o acceso directo á información.

É, por tanto, un documento que polo seu contido práctico e áxil pode servirnos de axuda para solucionarmos aquelas dúbidas puntuais que, á hora de redactar un texto, poden xurdir. Podes descargalo en formato pdf nesta ligazón

No Diario Oficial de Galicia do 15 de xaneiro de 2009 publícase a resolución pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2009.

No ano 2009, realizaranse 3 convocatorias de exames:

  • Convocatoria de maio de 2009, para Galicia, resto do Estado español e Europa.
  • Convocatoria de outubro de 2009, especial e única para América.
  • Convocatoria de novembro de 2009, para Galicia, resto do Estado español e Europa

Datas de realización das probas

Convocatoria de maio:

  • Celga 4: 23 de maio de 2009.
  • Celga 2: 24 de maio de 2009.
  • Celga 3: 30 de maio de 2009.
  • Celga 1: 31 de maio de 2009.

Convocatoria de novembro:

  • Celga 4: 21 de novembro de 2009.
  • Celga 2: 22 de novembro de 2009.
  • Celga 3: 28 de novembro de 2009.
  • Celga 1: 29 de novembro de 2009.

En Galiza, as probas realizaranse nas seguintes localidades: A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo. As persoas interesadas deberán sinalar na solicitude de inscrición a localidade na que se van presentar

Poderase realizar mediante a presentación da solicitude que figura no anexo I da convocatoria. Enviaranse á Secretaría Xeral de Política Lingüística se pretende presentarse ás probas en Santiago de Compostela ou aos gabinetes provinciais de Política Lingüística das provincias nas que pretenda realizar as probas. Pódense presentar directamente no Rexistro Central da Xunta de Galicia, nos das súas delegacións provinciais ou territoriais ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro

No web da Secretaría Xeral de Política Lingüística figura un formulario que permite cubrir e editar a solicitude. Tamén figura unha ligazón para efectuar o pagamento telemático da taxa.

A lista provisional de admitidos/as para cada un dos niveis e localidades publicarase na web www.xunta.es/linguagalega, 30 días naturais antes da data de realización das probas

Podes consultar a convocatoria completa nesta ligazón

(Nova tirada do web da CTNL)

No DOG do 31 de decembro de 2008 publicouse a Resolución pola que se regula a concesión de subvencións a entidades privadas sen fin de lucro para incrementar os usos da lingua galega na transmisión familiar e na mocidade.

OBXECTO

Esta convocatoria ten por obxecto regular, para o exercicio 2009, a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva a entidades privadas sen fin de lucro con incidencia nos ámbitos da familia, da infancia e da mocidade que presenten proxectos de actuación encamiñados a ampliar e/ou reforzar os usos da lingua galega.

As subvencións teñen como fin o de desenvolver as medidas que se recollen nas áreas de transmisión familiar e de mocidade do Plan xeral de normalización da lingua galega, cara a promover a programación e a realización de proxectos especificamente relacionados con estas áreas concretas, e deseñados de acordo con obxectivos como cocienciar as familias das vantaxes do coñecemento e uso do galego, fomentar a transmisión da lingua galega, aumentar a presenza da lingua no ámbito infantil, estimular actitudes favorábeis nas xeracións máis novas, potenciar o uso do galego como lingua de relación da mocidade, etc.

ENTIDADES DESTINATARIAS

Poden solicitar estas subvencións todas as entidades sen fin de lucro legalmente constituídas, excepto: as administracións públicas, as asociacións de nais e pais de alumnos/as e as agrupacións destas.

Cada entidade poderá presentar un único proxecto.

ACTIVIDADES SUBVENCIONÁBEIS

Son actividades subvencionábeis todas aquelas consistentes en:

-Fomentar o uso do galego como lingua de transmisión familiar de pais/nais a fillos/as.
-Propiciar que os responsábeis dos servizos persoais á comunidade (educadores/as, monitores/as, técnicos/as culturais, traballadores/as sociais, etc.) sexan dinamizadores/as da lingua galega.
-Fomentar o uso do galego nos contextos sociais de máis impacto e utilización por parte da mocidade (pubs, discos, bares, etc.).
-Fomentar a utilización do galego nas actividades deportivas.
-Interrelacionar mozos/as de diferentes perfís lingüísticos a través de actividades de lecer (campamentos, obradoiros, excursións, etc.).
-Crear diversos soportes en galego de información e interrelación xuvenil (revistas, webs, blogs, soportes audiovisuais, xogos, software, etc.).
-Deseñar e executar plans de normalización lingüística e crear ou manter gabinetes de normalización lingüística para galeguizar o funcionamento e as actividades das entidades.

PRAZO DE SOLICITUDE

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución do DOG (31/12/08).

Resolución completa en .pdf (DOG do 31/12/08)

Publicado por: snl_cerceda | 2/Xaneiro/2009

Xa chegan os Reis!

O próximo 4 de xaneiro de 2009, os Reis han pasar polo noso concello. A Cabalgata dos Reis sairá do Campo da Feira, percorrerá o núcleo urbano e rematará no Centro Cívico onde os Reis Magos recibirán os nenos e nenas.

Alí, os nosos cativos poderán escribir e entregarlles persoalmente as súas cartas ás súas maxestades.

Se queres ir escribindo a carta, aquí tes o modelo que se vai repartir ese día.

Vémonos este domingo!

O Concello de Cerceda, a través do Servizo de Normalización Lingüística,
está a organizar un Curso para preparar a obtención do Certificado de
Lingua Galega (Celga) nos seus diferentes niveis, preferentemente nos
niveis 3 e 4. Este curso convocase ao abeiro da Resolución do 13 de
novembro de 2008 pola que se anuncian, con carácter voluntario e gratuíto,
cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1,
Celga 2, Celga 3 e Celga 4, para particulares (adultos) e colectivos de
Galicia, no ano 2009 (Diario Oficial de Galicia número 234, do 2 de
decembro).

Segundo a convocatoria, para que o Concello de Cerceda poida solicitar o
curso, debe contar con 25 persoas interesadas en realizalo. Por tanto,
abrimos un prazo de preinscrición para aquelas persoas que estean
interesadas en realizar o curso de preparación para a obtención do Celga
3.

Curso de lingua galega. Nivel Celga 3.

  • Inicio: o curso comezará no mes de abril, aproximadamente
  • Días: de luns a venres
  • Horario: por determinar
  • Núm. de horas: 75 horas lectivas
  • Lugar: en principio, o curso terá lugar no Centro Cívico
  • Preinscrición: até o venres 13 de febreiro de 2009, no Servizo de
    Normalización Lingüística do Concello de Cerceda (avd. do mesón 21,
    terceiro andar), no teléfono 981 685 001 (en horario de 09:00 a 14:00 h)
    ou no enderezo electrónico ivan.mendez@cerceda.dicoruna.es
  • Prazas: mínimo 25; máximo 30
  • Documentación: deberase cubrir un modelo de solicitude (dispoñible no SNL
    do Concello de Cerceda e no seu blogue (http://snlcerceda.wordpress.com),
    e deberá acompañarse dunha fotocopia do carné de identidade.

QUE É O CELGA?

Celga (Certificado de lingua galega) é o novo sistema de certificación da
lingua galega adaptado ao Marco europeo das linguas. O Celga divídese en
cinco niveis. O curso que terá lugar no Concello de Cerceda é do nivel 3,
aínda que se existe un número de persoas interesadas para facer o nivel 4,
tamén se xestionará a súa realización.

A asistencia ao curso non dá dereito a obter o certificado, senón que é un
curso preparatorio para un exame. Os exames para obter os Celga 3 no ano
2009 serán o 30 de maio e o 28 de novembro.

MÁIS INFORMACIÓN?

  • No Servizo de Normalización do Concello de Cerceda (avenida do Mesón 21,
    3.º andar)
  • Por teléfono: no 981 685 001
  • Por correo electrónico: ivan.mendez@cerceda.dicoruna.es
  • No blogue: http://snlcerceda.wordpress.com

Observacións:

A realización dos cursos está condicionada á concesión da organización e
homologación pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de
Galicia.

Modelo de solicitude

Artigos anteriores »

Categorías

Seguir este blogue

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.